xoves, 20 de decembro de 2012

OS IRMÁNS GRIMM, 200 ANOS COS SEUS CONTOS

Google celebra, cun doodle interactivo da Carrapuchiña, que o 20 de decembro do 1812 apareceu a primeira edición dos contos de Jacob e Wilhelm Grimm.
Coa chegada do 2013 e aproveitando este bicentenario, Alemaña dará inicio ao 'ano Grimm' con sede na cidade de Kassel, localidade alemana onde os Grimm reuniron a maioría dos contos que conforman a súa colección.

FELICITACIÓNS

Nós tamén temos árbore de Nadal ao noso xeito... CON LIBROS!

xoves, 13 de decembro de 2012

CONTOS INTERACTIVOS DE GALAXIA


A asesoría de Bibliotecas Escolares infórmanos en Rede lectura:
"Galaxia acaba de abrir unha páxina (GalaxiaTales) de contos interactivos que se poden adquirir e ler dende calquera dispositivo. Son contos en galego, español e inglés, que conteñen animación, música e locución. De cada un deles pódese ver previamente ao redor dun 20 por cento do seu contido. O proxecto arranca con Unha sorpresa para Goruk de Daniel Landesa con ilustración de María Longa e Así comezaron as aventuras da Rosa dos Ventos e Xan Pericán de Joel Franz Rosell con ilustración de Luis Castro Enjamio.
Podemos entrar e ver".

GUÍAS NADAL 2012

Como cada ano polo Nadal, recordámosvos as novidades que acaban de entrar na biblioteca. É tempo para celebrar, saír, descansar, agasallar aos amigos... e tamén ler.
Ven á biblioteca e concédenos uns minutos, probablemente atopes algo que che interese.
GUÍA INFANTIL/PRIMARIA
GUÍA ESO

mércores, 12 de decembro de 2012

O Apalpador

O Nadal está xa á volta da esquina. Con el chegan os momentos máis esperados por todos os nenos e nenas: os agasallos. Na biblioteca do CPI temos moitos contos sobre o Nadal pero este ano descubrimos a un personaxe da nosa cultura que durante moito tempo levou xoguetes e libros desde os montes galegos:
O Apalpador. Seguramente vos preguntedes quen é este personaxe. Pois velaí a resposta:

Quen é o Apalpador?

O vello Apalpador, tamén chamado en zonas Apalpabarrigas, ou Pandegueiro en partes do oriente ourensán, é unha figura lendaria galega que achega os agasallos aos nenos polas datas de Nadal. Até os nosos días amósase como un xigante que baixaba das devesas e apalpaba as barriguiñas dos cativos. Se estaban cheas dicía: «Así, así esteas todo o ano» e deixáballes unha presa de castañas. Senón calaba, pero deixáballes tamén as castañas.

Se queredes saber máis sobre o Apalpador so tedes que premer aquí ou preguntar na biblioteca. E se o que vos gustan son os debuxos e as manualidades este é o voso enlace.

martes, 11 de decembro de 2012

NÓS TAMÉN ESCRIBIMOS A CARTA!!!

RECITANDO A CELSO EMILIO

Mañá, día 12 do 12 do 2012, ás 12 da mañá, o alumnado de 1º de ESO participará no acto colectivo do recitado público do poema "Deitado frente ao mar" co que a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) se suma ao centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro.
Deitado frente ao mar
Lingua proletaria do meu pobo,
eu fáloa porque si, porque me gosta,
porque me peta e quero e dáme a gana;
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos avós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.

Eu fáloa porque si, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingua.

Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruíns e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os baleiros,
non falo pra os estúpidos,
que falo pra os que aguantan rexamente
mentiras e inxustizas decotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de bolboretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño...

CELSO EMILIO FERREIRO E CHARLES DICKENS

luns, 10 de decembro de 2012

CENTENARIO CELSO EMILIO FERREIRO


A Consellería pon ao dispor do alumnado unha nova ferramenta para achegarse ao poeta de Celanova, no centenario do seu nacemento.
As unidades didácticas xa están dispoñibles no repositorio de contidos do espazo Abalar:

martes, 4 de decembro de 2012

MÁIS LIBROS, MÁIS LIBRES

Ler é unha chave para ser libre...
Brasil aposta por iso con esta nova medida: os reclusos dos cárceres de Brasil poderán rebaixar 48 días por cada ano de condea se len ao ano 12 obras literarias, científicas ou filosóficas, que deberán reseñar. 
Que vos parece a medida?
Para saber máis...

 

luns, 3 de decembro de 2012

CALENDARIO DO LIBRO E DA LECTURA, 2013

Con motivo da celebración do Día das Librerías (30 novembro), a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria distribúe o Calendario do Libro e da Lectura 2013, unha lámina coas datas conmemorativas do ano que vén arredor dos libros.

Canto traballo nos espera! Non imos dar feito!!!!

xoves, 29 de novembro de 2012

luns, 26 de novembro de 2012

PASAPORTE DE LECTURA

"Para viajar lejos, no hay mejor nave que un libro"
Emily Dickinson (1830-1886)
Ler é unha forma de viaxar e para facelo precisamos un pasaporte; presentámosvos aquí o novo pasaporte de lectura da Biblioteca.
Anota nel todas as obras que vaias lendo ao longo do curso. Recolle ademais un fragmento interesante, fai un debuxo ou pega unha imaxe que teña que ver coa obra lida. Xustifica tamén se che gustou ou non.
Unha vez cuberto entrégao na Biblioteca (data límite finais de maio). Entregaráselle un premio ao mellor elaborado.
Anímate e participa!
Solicita o teu na biblio!

xoves, 22 de novembro de 2012

ALFIN - ALFABETIZACIÓN INFORMACIONAL

Desde o IES Pedras Rubias, de Salceda de Caselas (Pontevedra), achégannos un excelente material para traballar a competencia informacional co alumnado, froito dun Grupo de Traballo que se desenvolveu no centro ao longo do curso 2011/2012.

martes, 20 de novembro de 2012

TÉCNICAS DE ESTUDO

Poñemos ao teu alcance as claves para estudar de forma eficaz e eficiente, sacando o máximo partido dos recursos cos que contas.
Entra aquí

luns, 19 de novembro de 2012

CONCURSO: TAL COMO ERAMOS!!!

O reto consiste en adiviñar:
  • Quen se agocha na foto que vos ofrecemos? Alguén do cole que, por suposto, coñecedes.
  • De que libro falamos? 
Así de simple. Teredes que entregar a resposta na biblioteca e listo!
Aquí está o primeiro reto:

martes, 13 de novembro de 2012

DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

O día 25 de novembro celébrase o día internacional contra a violencia de xénero, aprobado pola asemblea xeral das Nacións Unidas.
A data foi elixida como conmemoración do brutal asasinato en 1961 das tres irmás Mirabal, activistas políticas da República Dominicana, por orde do gobernante dominicano Rafael Trujillo. 
Segundo as Nacións Unidas, a violencia contra a muller queda definida como:
"Todo acto de violencia baseado no xénero que ten como resultado posible ou real un dano físico, sexual ou psicolóxico, incluída as ameazas, a coerción ou a prohibición arbitraria da liberdade, xa sexa que aconteza na vía pública ou na vía privada".

domingo, 4 de novembro de 2012

LIBROS DO MES DE NOVEMBRO/DECEMBRO

                              1º e 2º ESO                                            3º e 4º ESO
    

Descargar preguntas:

mércores, 31 de outubro de 2012

LECTURAS RECOMENDADAS SAMAÍN

Chegou o día que vos anunciabamos anteriormente: o Samaín. Pola biblioteca de primaria do centro foron moitos/as os que se deixaron caer para ler algúns dos libros que tiñamos seleccionados para esta data. Aínda que esta celebración se acabe esta noite, os libros seguirán estando á vosa disposición na biblioteca aínda que non no mesmo estante. 
Aproveitade estes últimos días para visitarnos e levarvos algún pequeno susto. 

martes, 30 de outubro de 2012

LAURA GALLEGO, PREMIO NACIONAL DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL


Laura Gallego obtén o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por Donde los árboles cantan.
Concedido anualmente polo Ministerio de Educación Cultura e Deporte, este premio distingue ao mellor libro publicado en 2011 en calquera das linguas oficiais que se falen en España.
Anímate á lectura desta novela e emprega os recursos que aquí che ofrecemos.

SAMAÍN

O Samaín é unha celebración de orixe celta que o cristianismo reconvertiu no Día de Todos os Santos.
A noite do 31 de outubro, que coincide coa entrada do inverno e o fin do verán, comeza o Ano Novo celta.
Nesta noite, as ánimas dos mortos atravesan a porta que separa o mundo dos vivos e dos mortos, e visitan as casas das súas familias para quentarse e tomar algo de alimento. 
Pasa pola biblioteca para comprobar como celebramos o día; regalarémosche no préstamo un marcapáxinas.

xoves, 25 de outubro de 2012

JAVIER MARÍAS, PREMIO NACIONAL DE LITERATURA

O escritor e académico madrileño Javier Marías rexeita o Premio Nacional de Literatura na modalidade de Narrativa por Los enamoramientos.
O premio, dotado con 20.000 euros, entrégao o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte á mellor obra de narrativa publicada en 2011 en calquera das catro linguas oficiais de España: castelán, galego, euskera e catalán.
Los enamoramientos non fala do amor senón dos enamoramentos, do seu estado e os seus estados, e do xeito como pode contaminar á persoa. Nela están presentes varios dos temas habituais do escritor madrileño: o azar ou a sorte, a indagación da verdade en cuestións cotiás, o engano e as súas secuelas, as aparencias, o que se deixa de dicir, a memoria e a presenza dos mortos e o seu influxo nas persoas que o sobreviven.

mércores, 17 de outubro de 2012

LIBRO DO MES DE OUTUBRO

                             1º E 2º ESO                                                 3º E 4º ESO
         

Descargar preguntas:

martes, 16 de outubro de 2012

WINSOR MCCAY, ÚLTIMO DOODLE DE GOOGLE

Google rende homenaxe cun novo doodle a un dos historietistas estadounidenses máis importante do século XX, Winsor McCay, e sobre todo á súa obra máis coñecida, Little Nemo in Slumberland (O pequeno Nemo no país dos soños) no 107 aniversario desta obra clásica do cómic.
Este doodle animado percorre un dos soños de Nemo coma se se tratase dunha das tiras publicadas en prensa do propio Winsor McCay.

PREMIO PLANETA 2012

A parella literaria da noite foi:
  • Lorenzo Silva, gañador, con A marca do meridiano
  • Mara Torres, finalista, con A vida imaxinaria.

luns, 15 de outubro de 2012

VII PREMIO IBEROAMERICANO S.M. DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL 2012

Despois de Agustín Fernández Paz, chegou –de novo- o momento da literatura brasileña da man dunha muller que xa conseguira o máximo galardón deste ámbito, o Ándersen. 
O Premio busca recoñecer autores vivos que teñan unha relevante obra destinada ao público infantil e xuvenil.

MO YAN: NOBEL DE LITERATURA 2012

Un total de 210 escritores, dos que 46 nunca figuraran na lista de candidatos, aspiraban a suceder ao poeta sueco Thomas Tranströmer, gañador da última edición do Premio Nobel de Literatura. 
O estadounidense Philip Roth, o xaponés Haruki Murakami, o holandés Cees Nooteboom ou o español Eduardo Mendoza eran algún dos nomes que soaban, pero foi o escritor chino, Mo Yan, o galardonado. 
Mo Yan, seudónimo de Guan Moye, é un dos autores chinos máis lidos e traducidos a todas as grandes linguas occidentais. Algunha das súas obras: 'Sorgo vermello', 'As baladas do allo', 'Grandes peitos, amplas cadeiras'...

luns, 8 de outubro de 2012

OUTUBRO: MES DA BIBLIOTECA ESCOLAR


A Asociación Internacional de Biblioteconomía Escolar (IASL) aprobou, en decembro de 2007, que durante o mes de outubro de cada ano se celebre o Mes Internacional da Biblioteca Escolar. O lema deste ano 2012 é “Bibliotecas escolares: unha clave para o pasado, presente e futuro”. 
Dende a nosa Biblioteca, non encontramos mellor forma de unirnos a este lema, que recomendar estas interesantes páxinas:

mércores, 26 de setembro de 2012

COMEZAMOS

My Greatest Adventures, Mandy Bryant

Benvidos.
Cumprimos un ano e comezamos unha nova viaxe.
Quéresnos acompañar? 
Aquí tes a nosa maleta, chea de ilusións e lecturas coas que descubrir un novo mundo de aventura e navegación, igual que o marcapáxinas de Much Better Now, fermosísima curta animada de Philipp Comarella e Simon Griesser:

sábado, 30 de xuño de 2012

ATA O CURSO QUE VÉN!

Cando nos presentabamos, en decembro, imaxinabamos un caderno en branco que se iría enchendo con historias, imaxes, vídeos, música, actividades... e, sobre todo, libros.
Así o intentamos.
Pero tamén vos invitabamos a entrar para botar algo máis que unha ollada, iso foi máis difícil.
Biblogcañiza buscaba ser un espazo de libros e lectores, pero, ademais, buscaba ser un taller de traballo en equipo. Só coa vosa colaboración iso é posible, e fai que o blog mereza a pena.
Agora só nos queda despedimos, e nada mellor para cerrar o curso e o Blog por este ano, que un vídeo de animación á lectura realizado pola biblioteca do IES Chano Piñeiro de Forcarei. Cando faremos nós algo similar?
Bo verán e boas lecturas!

mércores, 27 de xuño de 2012

LETRAS GALEGAS 2013

A Real Academio Galega, na última reunión, aprobou dedicarlle as Letras do ano 2013 a Roberto Vidal Bolaño.
Vidal Bolaño foi autor, director e actor; e aínda que tamén traballou no cine, foi ante todo un home de teatro, a súa paixón.

                                                      Un ano para o teatro!

martes, 26 de xuño de 2012

CLAUSURA DA V XORNADA DOS CLUBS DE LECTURA - CARLOS NEGRO

O poeta Carlos Negro, ademais de impartir un obradoiro de poesía na V Xornada dos Clubs de Lectura, tamén foi o encargado da clausura.
Na súa intervención, que podedes ver no vídeo, trae unha "primicia mundial": o poema apocrifo que Edward escribe para Bella. Tamén consegue que todo o auditorio rapee cun texto do seu libro Makinaria (Aquí tedes unha guía de lectura da web de Rosa Salgueiro).
Contar con el no centro para un obradoiro destas características sería un luxo.

luns, 25 de xuño de 2012

V XORNADA DOS CLUBS DE LECTURA

 Á V Xornada dos Clubs de Lectura, celebrada en Santiago o 9 de xuño, asistiu o profesorado que coordina a actividade e, por primeira vez, unha representación dos mozos  e outra dos adultos que os integran. 
Aquí podemos ver un vídeo resume da xornada.

 
Tamén Carlos Negro, poeta que impartíu un Obradoiro de Poesía no encontro, publica no xornal Sermos Galiza, un artigo dedicado aos rapaces asistentes: O PAÍS DOS PAPALIBROS.

venres, 4 de maio de 2012

LIBROS DO MES DE MAIO/XUÑO

                   1º e 2º ESO                                                               3º e 4º ESO
Descargar preguntas:

xoves, 19 de abril de 2012

ABRIL, MES DOS LIBROS

Cando os libros eran "novas tecnoloxías"
Abril é o mes dos libros porque recolle dúas conmemoracións:
  • 2 de abril: Día Internacional do libro Infantil, data na que se lembra o nacemento de Hans Christian Andersen.
  • 23 de abril: Día Internacional do Libro e os Dereitos de Autor. O 23 de abril de 1616 falecían Cervantes, Shakespeare e o Inca Garcilaso de la Vega. Tamén nun 23 de abril naceron - ou morreron - outros escritores eminentes como Maurice Druon, K. Laxness, Vladimir Nabokov, Josep Pla ou Manuel Mejía Vallejo. Por este motivo, esta data tan simbólica para a literatura universal foi a escollida pola Conferencia Xeral da UNESCO para render unha homenaxe mundial ao libro e os seus autores, e alentar a todos, en particular aos máis novos, a descubrir o pracer da lectura e respectar a irreemplazable contribución dos creadores ao progreso social e cultural. A idea desta celebración partiu de Cataluña (España), onde este día é tradicional regalar unha rosa ao comprador dun libro.

  • Este ano celebrarémolo coa exposición sobre NOVELA NEGRA cedida polo IES Alexandre Bóveda (Vigo)Aquí tedes a guía didáctica para visitala.

    Outras actividades AQUÍ

    martes, 10 de abril de 2012

    LIBROS DO MES DE ABRIL

                                             1º e 2º ESO                                    3º e 4º ESO        
    Descargar preguntas:

    venres, 16 de marzo de 2012

    LIBROS DO MES DE MARZO

                                       3º e 4º ESO                                      1º e 2º ESO
    Descargar preguntas.

    xoves, 8 de marzo de 2012

    SEMANA DA PRENSA, DO 12 AO 16 DE MARZO

    Máis recursos AQUÍ...
    Do 12 ao 16 de marzo celebraremos a Semana da Prensa. Achégate á Biblioteca de Secundaria e poderás ver e ler distintos tipos de publicacións: 

    LUNS 12: PRENSA DEPORTIVA 
    MARTES 13: PRENSA XERAL 
    MÉRCORES 14: DIVULGACIÓN 
    XOVES 15: OCIO E TEMPO LIBRE 
    VENRES 16: OCIO E TEMPO LIBRE 
    TODOS OS DÍAS: PRENSA DIXITAL E EXPOSICIÓN PRENSA INTERNACIONAL