mércores, 29 de abril de 2015

REPRESENTACIÓN TEATRAL NA RESIDENCIA DA TERCEIRA IDADE DA CAÑIZA

O venres 24 de abril, como actividade de remate da nosa participación na modalidade 3 do programa "Voluntariado de lectura - A", os alumnos participantes, rapaces e rapazas de sexto de primaria, representaron, na residencia da terceira idade "Santa Teresa" da Cañiza, a obra "Mais alá dos contos" adaptada e traducida da obra orixinal de Nicasi Camps i Pinós.

A obra foi representada en dous actos e no intermedio os alumnos cantaron a canción "Ho Hey" do grupo The Lumineers. Ao remate, rapaces mestres e ancianos acabaron bailando nun animado fin de festa no que os ancianos foron agasallados polos rapaces cun pequeno obsequio e os rapaces tamén recibiron un obsequio de parte da residencia.
    
O proceso foi coordinado pola encargada da biblioteca de infantil e primaria Nieves Torres Calvo. Os ensaios foron dirixidos polos mestres Nieves Torres Calvo, Soraya García Oroña, Eva Mª  López García, Francisco Javier Souto Lamas e Iria Bordas Vidal. 
A Canción "Ho Hey" foi preparada por Ana Mª Rodríguez-Hermida Montes, mestra de Música e Francisco Javier Souto Lamas, de Inglés. 
A dirección artística correu a cargo de Javier López Muñoz, mestre titor de 3º curso.

Queremos agradecer aos traballadores da residencia a súa dispoñibilidade, colaboración e amabilidade.

Moitas grazas a todos!







luns, 27 de abril de 2015

REMATANDO CO MES DOS LIBROS...

Non queríamos que rematara o mes dos libros sen facer mención ao alumnado que está a colaborar coa biblioteca do cole, son 15 alumnos de 6º que un ou dous días á semana renuncian voluntariamente ao seu recreo para vir axudar aos compañeiros e aos mestres.


Como vemos nas fotos, colaboran no servizo de préstamo, na búsqueda de libros, na organización, e colocación, e tamén informan e aconsellan aos mais pequenos sobre o funcionamento da biblioteca e a selección de libros mais axeitados para eles.


Son nenos altamente motivados na preparación das actividades que realizan e son eles mesmos os que se coordinan e aportan ideas para a mellora da biblioteca, como por exemplo na elaboración de carteis expositivos para as distintas conmemoración ou actividades referidas a lectura.  


A solidariedade co outro e o compromiso cas persoas do nosos entorno son valores moi importantes a desenvolver na nosa sociedade. 
A través de esta iniciativa apréciase de forma lúdica e motivadora a importancia da boa convivencia, o repeto ás persoas do entorno e a capacidade de axudar, compartir e ser responsable.

                                      Moitas grazas, rapaces!

xoves, 23 de abril de 2015

PREMIO DOS CLUBS DE LECTURA 2015

Agustín Fernández Paz acaba de ser galardoado, polas Bibliotecas Escolares de Galicia, co Premio dos Clubs de Lectura 2015 ao autor máis lido nos clubs dos centros de ensino.
Establécese así o premio que, cada ano, se outorgará ao autor ou á autora de obra en galego que resultase seleccionado polo maior número de clubs de lectura no curso precedente.
Na VIII Xornada dos Clubs de Lectura, Agustín Fernández Paz recibirá a homenaxe do profesorado asistente e, por el representados, de todos os lectores e lectoras  participantes nos clubs de lectura dos centros de ensino secundario de Galicia.

HOXE


martes, 21 de abril de 2015

EXERCICIO FÍSICO NA INFANCIA

A crúa realidade indica que as actividades de ocio preferidas polos menores non lles requiren demasiado movemento (videoxogos, películas, televisión, ordenador...).
Por isto, os expertos recomendan inverter esta tendencia seguindo as recomendacións da pirámide, na que se reflicte que actividades son as máis axeitadas e con que frecuencia é conveniente levalas a cabo.

xoves, 16 de abril de 2015

MAIS ALÁ DOS CONTOS

O alumnado de 6° de primaria representará o luns 20 de abril ás 10 e media na residencia Santa Teresa da terceira edade da Cañiza a obra de teatro "Mais alá dos contos"



Pinocho non se quere convertir nun neno de verdade. Blancaneves reivindica o seu amor polos mineiros (que non ananos) e pasa do príncipe. O príncipe da Bela durminte está farto dunha muller de hai cen anos. A leiteira, Barba azul... ninguén está satisfeito co seu destino.

¡Fantasía e Texto non dan feito para atender as queixas dos protagonistas!

¿Que está a pasar no mundo dos contos?

Este é o argumento da obra de teatro de Nicasi Camps i Pinós que escollemos como actividade para participar na convocatoria VOLUNTARIADO DE LECTURA A, modalidade 3 (fora do centro) integrada no programa HORA DE LER, Para fomento da lectura nos centros de ensino.
¡Esperamos que vos guste tanto como a nos!


mércores, 15 de abril de 2015

ABRIL, MES DOS LIBROS

Celebrámolo agasallando aos nosos lectores con marcapáxinas como estes:
Pero tamén deseñamos actividades que se desenvolverán ata maio.
  • Exposición de carteis científicos e matemáticos elaborados polo alumnado, cunha guía para a súa visita.
  • Concurso "O Gran Segredo; quen son?" no que haberá que recoñecer a un autor/personaxe/libro coas pistas que dende a biblioteca se ofrecen.
  • Creación dunha historia para esta curta sobre libros e lectura.
  • Visionado do programa "Días de cine" de TVE celebraron o día do libro do 2013 cunha reportaxe con escenas de películas nas que aparecen os libros e a lectura.
  • Outras actividades aquí.

LIBROS DO MES DE ABRIL

Descargar preguntas:

martes, 14 de abril de 2015

EXPOSICIÓN PARA O DÍA DO LIBRO

Este curso, a temática de Biblioteca escolar... matemático!!! motivou a distintos Departamentos para a creación da exposición que levaremos adiante dende o 23 de abril ata finais de curso.
Por ir abrindo boca, aquí temos algún dos carteis deseñados polo alumnado que xa podemos ver no noso vestíbulo.
Realmente prometen.




I XORNADA SOBRE AUTISMO E TDAH

A Cañiza acolle, o 8 de maio, a 1ª Xornada de Autismo e TDAH (Trastorno por déficit de atención con hiperactividade), organizada pola Asociación TEAVI.
Dirixida a familias, mestres, orientadores, persoal sanitario... e a todos os interesados en informarse sobre o tema.
Inscrición gratuíta.

luns, 13 de abril de 2015

DÍA DA POESÍA EN INFANTIL E PRIMARIA

Para conmemorar o Día da Poesía, o alumnado de infantil e primaria foi facendo un percorrido polas aulas do colexio recitándolle aos seus compañeiros diferentes poemas que tiñan traballado no seu grupo. Aquí podemos ver un exemplo do seu esforzo.


venres, 10 de abril de 2015

CRIATURAS, NÚMERO CERO

A revista dixital Criaturas, especializada en literatura infantil e xuvenil, lanza o seu número cero.
Esta publicación en liña vén da man da escritora Ledicia Costas e do poeta e deseñador Daniel Landesa, pero ademais conta coa estreita colaboración dunha longa e rica listaxe de escritores e artistas: Fran Alonso, Agustín Fernández Paz, Xabier P. Docampo, Mercedes Queixas Zás, Laura Sáez, Gracia Sanctórum...
O eixe central da publicación en liña será a literatura galega, pero tamén se dará acollida a outras culturas, linguas ou xeitos de entender o relato en calquera das súas manifestacións.

martes, 7 de abril de 2015

DÍA DAS ARTES GALEGAS

A Real Academia Galega de Belas Artes decidiu instituír o “Día das Artes Galegas” “para exaltar, divulgar e promover a creación en Galicia.
Será celebrado o 1 de abril en lembranza da mesma xornada do ano 1188, data na que finalizou o Pórtico da Gloria, obra dirixida polo Mestre Mateo.

xoves, 2 de abril de 2015

MÁSCARAS DE ENTROIDO

Laura, a profesora de Plástica, decorou estes días o centro coas máscaras feitas polo alumnado de 4º durante o entroido.
Aquí podedes ver unha sensacional mostra da creatividade que Laura consegue espertar.

mércores, 1 de abril de 2015

DÍA MUNDIAL DE CONCIENCIACIÓN SOBRE O AUTISMO

Olga Lalín e Seso Durán, pais de Manuel, un pequeno de seis anos que ten autismo, publican un vídeo para darlle visibilidade a este trastorno. 
Piden, ademais, a súa difusión. Aquí o tedes.
Para saber máis:

LIBROS DO MES DE ABRIL

1º e 2º ESO
3º e 4º ESO