10 de nov. de 2023

25 DE NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Neste espazo ofrecemos elementos motivadores cos que debatir e sensibilizar e, ademais, un banco de recursos. 
É importante detectar a desigualdade para loitar contra ela; só educando en igualdade a homes e mulleres estaremos contribuíndo a reducir e eliminar a secuela da violencia de xénero.
1.- "El bello Rafa Nadal", de Barbijaputa para el diario.es
Recuperamos un artigo publicado no 2016 no que a autora utiliza a forma de falar e escribir que se emprega con frecuencia para falar das mulleres deportistas.
2.- Videopoema "Inagotables" do libro Asíntota de Carlos Miguel Cortés.
Tamén podemos escoitar a versión que, no seu día, fixo o noso profe de galego Dario DK para o CPI de Mondariz.
3.- ¡Qué niña tan bonita!
Curta de Alicia Ródenas con texto de Ro de la Torre coa que se presentou á sétima edición do concurso de curtas do instituto Diego Siloé de Albacete.
Ao longo do vídeo, a moza le cen frases ás que cada muller está exposta desde a súa nenez; entre outras: "Se te ven xogar cos mozos chamaranche marimacho" ou "Non sexas tan bruta xogando, pareces un neno".
 
4.- Sexismo no deporte
"Poderías dar unha volta para nós e dicirnos algo sobre o teu vestiario?" Esta é unha de tantas preguntas que os xornalistas deportivos lles fan ás atletas e que recolle a campaña #CovertheAtlete.
Pois ben, como reaccionarían eles de seren tratados do mesmo xeito?
5.- As nenas poden
Campaña que nos invita a todos para que a igualdade desde a infancia sexa un obxectivo prioritario.
6.- De par... en par
Trátase da campaña do SAAMA (Servizo de Apoio e Atención contra o Machismo). Cos textos de Neus Nebón  e as ilustracións de Tania Acuña, este vídeo serve como test a todas esas condutas do día a día que forman parte da pirámide machista que remata na violencia contra as mulleres.
7.- Como actuamos ante a violencia machista?
Todo o mundo rexeita, sen ningún tipo de paliativos, a violencia contra as mulleres. Pero, que acontece cando somos testemuñas en primeira persoa deste tipo de agresións?

A compañía sueca STHLM Panda decidiu comprobar a reacción da xente ante a violencia de xénero. Cunha cámara oculta instalada nun ascensor, un home ameaza e agride a súa suposta parella, ante unha testemuña.
Abonda con ver o vídeo para comprobar que, aínda que a opinión e actitude da maioría cidadá é totalmente contraria a este tipo de violencia, á hora da verdade, non se actúa en consecuencia. Só unha das 53 vítimas da cámara oculta reacciona ante a agresión.
Na biblioteca, ese día, con marcapáxinas, música, libros e audiovisuais intentaremos sensibilizar, previr ou detectar situacións de risco.

Ningún comentario:

Publicar un comentario